Logo
GL | ES

Este mapa é para xs que sabedes que as palabras constrúen as cidades pero tamén para xs que queirades descubrir Santiago a través da literatura porque, sen dúbida, Compostela é unha cidade literaria.

Aquí poderás moverte polas rúas seguindo as palabras dxs autorxs que falaron de Santiago. Non están todxs, pero na nosa selección, que irá medrando, atoparás mulleres e homes, actuais e pasados, locais e universais, poetas, narradorxs, dramaturgxs e tamén artistas inclasificábeis.

Tamén poderás achegarte ás súas obras e vidas e deterte naqueles lugares que gardan a palabra. Se buscas na nosa cartografía, mostrarémoste as librarías da cidade, as fundacións e as bibliotecas. Reservamos un espazo para a memoria; para os recantos que desapareceron e dos que só queda a lembranza, para as casas onde moraron xs creadorxs, os parladoiros, as imprentas e os lugares que mudaron as nosas letras.

Ofrecémosche por último a posibilidade de facer itinerarios a través de varios fitos da nosa lingua: a novela “Scórpio”, as Irmandades da Fala ou a obra de Carlos Casares son as nosas propostas.

Este mapa -idea orixinal do colectivo Compostela Literaria- garda inmensos tesouros literarios. Residen nos seus lugares e autorxs. Son a nosa identidade e camiño. Elas e eles constrúen a memoria de Santiago de Compostela. Este mapa é tamén unha homenaxe.