En toda a obra literaria de Casares só dúas teñen como escenario Compostela, pero curiosamente, en ambas se cita a rúa do Vilar. Unha delas xa foi citada, “Xoguetes pra un tempo prohibido”. A outra mención ao Vilar atópase no relato “Cagliostro en Compostela”, e forma parte da obra Os escuros soños de Clío, (1979).
A obra literaria de Carlos Casares é unha obra extensa e variada, e é que se mantivo desde moi novo até o final da súa vida. Escribiu poesía (xénero que practicou moi novo e abandonará cedo, rendido ante os encantos da narrativa, malia ter gañado algúns certames), foi ensaísta e biógrafo, escribiu novelas, contos para adultos e pequenos, foi columnista en varios xornais (La Voz de Galicia)... era un home versátil.
Casares vivía o “pracer de observar o mundo e narralo”, un pracer que, segundo el mesmo contou, aprendera do seu avó. Era “amante das miniaturas”, o que podería explicar a súa paixón polo relato curto, o conto, que dominou e cultivou con mestría. Pero como como el dicía, tamén era un namorado das miniaturas figuradas, isto é, “dos detalles, de fixarse no que fai a xente pola rúa”. Era ademais un bo conversador, que gustaba moito do falar de sobremesa, dos contos na lareira, sentía entusiasmo pola oralidade, por escoitar historias que proviñan do popular... Todo isto, regado cunha enorme paixón por “contar” e poñendo o acento en comunicarse, vai filtrarse nas súas obras, nas que emprega unha forma e unha linguaxe accesible, sinxela e con claridade expositiva e ademais emprega un humor fino, cunha ironía moi propias das conversas destas sobremesa, informais, das que tanto gostaba.
Os temas que elixirá e o acompañarán en toda a súa traxectoria van ser profundamente humanos aínda que en moitas ocasións os envolva de fantasía e surrealismo que ás veces pode recordar a Cunqueiro. Estes temas van ser a memoria, a defensa dos débiles, a reivindicación da diferenza, a non violencia, a solidariedade, a honestidade ou o compromiso.
Mención especial merece o seu traballo na literatura infantil e xuvenil. Do seu puño xorden obras moi coñecidas para para lectores e lectoras miúdas, sendo un dos autores renovadores, por non dicir iniciadores neste ámbito. Casares aposta porque a xente máis nova se incorpore á literatura galega. Hoxe resulta impensable unha cultura galega sen editoras como OQO e Kalandraka e autores e autoras como Fina Casalderrey ou Núñez Singala, pero isto non sempre foi así e o cambio debémosllo en boa medida a Casares, tanto como escritor como no seu labor como editor en Galaxia.
Antes de ir á seguinte parada queremos presentarvos brevemente aquelas obras de Casares escritas aquí, no seu tempo de estudante, xa que ao comezo presentamos xa aquelas que tiñan Compostela como escenario:
• Vento ferido (1967), Unha das súas obras máis coñecidas, o seu primeiro libro de relatos, cuxa publicación foi todo un acontecemento en Compostela. Debido ao relato dun paseo que se fai no conto "Coma lobos", a obra sufriu un intento de secuestro pola censura que sorteou, grazas a que, avisados os editores, sacaron todos os exemplares da editorial e agocháronos. Cando chegou a policía dixéronlles que xa se venderan todos. Logo diso, fíxose e distribuíuse unha segunda edición, reimprimindo a primeira, sen mudarlle a data.
• A Galiña Azul (1968), tamén moi popular, e obra fundacional da literatura infantil e xuvenil galega. Esta obra, ten forma de carta, está cargada de fantasía e de simbolismo, pois a Galiña Azul, ao contrario das demais galiñas, pon ovos de cores e non di cacaracá senón cacaracó, o que simboliza, realmente, o dereito á diferenza e á liberdade.