As Irmandades da Fala celebraron un total de 7 asembleas, en diferentes partes do país. Nestas asembleas un dos debates recorrentes xiraba ao redor dunha cuestión central: cal debía de ser o papel das Irmandades da Fala na sociedade? As discrepancias manifestáronse en dous posicionamentos predominantes: unha corrente que avogaba por traballar exclusivamente desde o plano cultural e outra corrente que entendía que as Irmandades debían actuar como actor político: “Intervir na política para esta se faga en proveito do pobo”.
De especial relevancia foi I Asemblea Nacionalista, que tivo lugar en Lugo no ano 1918. Nesta asemblea as Irmandades da Fala superan o rexionalismo inicial dos seus postulados e defínense como nacionalistas:
“Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”.”
Na II Asemblea Nacionalista, evidéncianse certas discrepancias entre quen defende non concorrer ás eleccións e quen considera necesario participar e evidénciase o debate interno. Triunfa a segunda
postura que busca a madurez do nacionalismo. Desde esta II Asemblea os enfrontamentos van subindo de ton e de intensidade, até que no ano 1922 se celebra en Monforte de Lemos a IV Asemblea Nacionalista. Esta asemblea será especialmente significativa porque no seu transcurso prodúcese a ruptura do grupo. As Irmandades rompen coa unidade de acción. Por unha parte, a maioría da Irmandade da Coruña e outras da comarca móstranse partidarios da acción política e concorrer ás eleccións da man dos republicanos. Pola outra, Vicente Risco lidera o grupo que acabará dando lugar á Irmandade Nazonalista Galega, e que defende o abstencionismo electoral por considerar que non representa as ansias nacionalistas. Despois de diversas escisións, en 1931 ten lugar en Pontevedra a VII e última das asembleas das Irmandades da Fala como tal. Nesta Asemblea acórdase a súa disolución como grupo e asúmese a necesidade de crear un partido político que aglutine o galeguismo. Neste ano 1931 xorde o Partido Galeguista.
A historia deste edifico está tamén ligada ao Seminario de Estudos Galegos, do que foi sede entre 1925-26, e que posteriormente se trasladou a Fonseca. O Seminario de Estudos Galegos nace en 1923, onde está situada a casa da familia de Rosalía de Castro, en Ortoño, impulsado por un grupo de nove estudantes da universidade de Santiago de Compostela preocupados pola pasividade dunha universidade que vive de costas á sociedade. Un dos obxectivos do Seminario de Estudos Galegos é estudar Galiza de xeito científico, desde diferentes ámbitos e con equipos de traballo interdisciplinarios. No SEG axiña se integraba parte da intelectualidade galeguista que se movía ao redor das IF. A pesar da ausencia de apoios oficiais e da escaseza de medios e coa axuda do que se denominou socios protectores, o SEG creou catorce seccións de estudo: Ciencias Naturais, Ciencias Aplicadas, Xeografía, Etnografía e Folclore, Historia, Prehistoria, Arqueoloxía, Filoloxía, Historia da Literatura, Artes e Letras e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.
Coa instauración da ditadura franquista no ano 36, esta institución foi desmantelada e moitas das
persoas que traballaron ao seu abeiro foron asasinadas, exiliadas e expedientadas ou sancionadas.